O pasado domingo 1 de outubro celebrouse en Arcade a 2ª Carreira de Orientación – Concello de Soutomaior. Esta segunda edición contou cunha participación de máis de 100 inscritos, nas 3 categorías que existían: Iniciación Curta, Iniciación Longa e Avanzado. Estas tres categorías adaptábanse aos diferentes niveis técnicos e físicos que tiñan os participantes, e transcorrían polo entorno urbán de Arcade, chegando ata o límite con Pontesampaio.

Ao tratarse dunha proba de iniciación, os participantes realizaron os seus percorridos tanto de xeito individual coma en grupo (moitas familias decidiron acompañar aos máis cativos), nuns tempos mínimos de carreira de 17 minutos.

Os 3 percorridos tiñan diferencias técnicas e en distancia, aproximándose a categoría máis alta aos 4kms, mentres a categoría máis baixa roldaba os 2.

Gran parte do éxito desta proba deveusa é estreita colaboración co Concello de Soutomaior, que xestionou as inscricións, e coordinou co clube AROMON a seguridade da proba (a través de membros de Protección Civil) e o avituallamento final.

Moitos dos participantes amosaron un grande interese neste tipo de probas, polo que se lles foi informando das vindeiras probas que desenvolveremos: neste caso, a próxima formará parte da Liga AROMON ChemaSport, e terá lugar o vindeiro domingo 29/10 no monte do Acibal (inscricións en este formulario)