A vogalía de montaña organizou, este mes de setembro, dúas xornadas de sendeirismo pola Península do Morrazo para coñecer os seus cumes máis reprensentativos e algunhas das praias máis fermosas de Cangas do Morrazo.

O primeiro día, 6 de setembro,iniciamos o percorrido na lagoa de Castiñeiras (Parque da Natureza de Cotorredondo) para dirixirnos á primeira cima Cotorredondo (525 m) na que se alza unha torre de vixilancia de incendios, aberta ó público, desde onde puidemos ver a enseada de San Simón, na ría de Vigo; e as rías de Pontevedra e Arousa.

Continuamos ata o Dolmén de Chan da Armada que neste momento está cuberto de silveiras, Coto do Home (623 m), Xaxán(624 m), Dolmen de Chan da Arquiña ubicado na área recreativa do mesmo nome, Faro de Domaio (628 m) máxima altitude da Península e con boa panorámica da ponte de Rande e ría de Vigo, Area recreativa Chan de Lagocherias, Formigoso (481 m), San Lourenzo (496m), Agudelo (473 m), Paralaia (438m), Cruz de Ermelo(394 m) e rematamos na ermita de San Cosme, mesmo nos limites entre Bueu e Cangas.

Xornada sen dificultades técnicas pero algo exixente coa forma física. Boa climatoloxía e gratificantes vistas das rías.

A segunda xornada, 20 de setembro, iniciámola na Portela, na ermita de San Cosme. Cruzamos á estrada para dirixirnos ó monte Coruto de Leboreiro (334 m) que ten unhas vista espectaculares das enseadas de Bueu e as illas de Ons, a ría de Aldán e as enseadas de Cangas e Moaña na ría de Vigo… pero non puidemos gozar delas xa que a mañá estaba nubrada. Seguimos ó outeiro Agudo (306m), Magdaleno (332 m).

A continuación nos diriximos a Cangas para continuar pola Senda do litoral que comeza na antiga fábrica de Massó , no paseo marítimo do Salgueirón, e remata na praia de Liméns, pasando pola praia de Areamilla e a lagoa da Congorza.

Chegamos ó inicio da Senda costeira de Areamilla, atravesamos un túnel ,que non estaba iluminado, e a continuación as praias de Santa Marta, Liméns, Nerga, Viñó e Barra, faro de Punta Subrido, Faro de Punta Robaleira, praia de Melide e Faro de Cabo Home(boas vistas das Illas Cies) onde iniciamos a ruta da Costa da Vela que recorrimos en parte xa que rematamos no Monte Facho (184 m), antigo faro vixia, que conserva tamén un xacemento arqueolóxico con restos dun castro.

Como remate parada no pobo de Donón para descansar e contemplar a posta do sol.


COMPARTIR: