De Malpica á praia de Niñóns

O día 3 de outubro levamos a cabo a etapa nº1 da Ruta dos Faros.

Aínda que a borrasca Alex case nola fai suspender, pero ao final nos animamos a facela.

Saída dende o porto de Malpica ben almorzados sobre as nove e media, once participantes e dous monitores.

Deseguida atopamos de fronte ás Illas Sisargas, marabillosas baixo esa meteoroloxía inestable que fai a mellor fotografía.

Pasamos polo lugar da praia de Veo onde aproveitamos para tomar unha petiscada.

Seguindo a senda costeira, acadamos a praia de Seiruga en onde tivemos que descalzarnos para cruzar o río que desemboca nela, rematando algúns cos pantalóns mollados pola vaga de mar.

Chegamos a Barizo, unha pequena e tranquila praia na que aproveitamos para xantar. Logo de atravesar o porto de Barizo o sendeiro tórnase agreste a través dunha forte subida polas rochas ata o alto do acantilado, para logo seguir até Punta Nariga onde se atopa o faro co seu trasno de bronce, emblema da ruta (e do faro).

Continuamos polo acantilado ata chegar ao noso destino: a praia de Niñóns, case escondida pero con gran beleza.

 

Algo ten a ruta dos Faros, que sempre queres volver. ¡E volveremos!

 


COMPARTIR: