O club AROMON, representado pola súa sección de Orientación, ven de organizar tres xornadas de adestramentos aproveitando as datas de Semana Santa e o parón da competición nacional debido á situación Covid-19.

O venres día 2 de abril se realizou un adestramento de Orientación a pé no mapa de A Escusa (Poio), un percorrido de Distancia Media, con múltiples posibilidades para ser aproveitado polos distintos orientadores, axustando exixencia física e técnica.

O día foi algo chuvioso e con néboa, pero esas circunstancias non desanimaron ós socios de AROMON para desfrutar do trazado deseñado, con tramos realmente sorprendentes… ¡De bosque noruegués!… en palabra de algúns.

Ao día seguinte, na mesma zona, as circunstancias meteorolóxicas foron moito mellores e se puido desfrutar do trazado previsto na modalidade MTBO, unha orientación en bicicleta de montaña que conxugaba tramos rápidos e curtos con outros máis exixentes fisicamente. Cada orientador puido adecuar o percorrido ao desafío que quería afrontar.

Estas dúas primeiras xornadas contaron, ademais, con control de tempos SportIdent, en modo AIR para a MTBO.

Para finalizar, o domingo día 4, na zona de Serra da Groba (Baiona), os nosos orientadores raiders puideron desfrutar e suar con 4 magníficas secciones de raid, en torno a unha zona de transición central. Dúas estupendas seccións en BTT, con mapas específicos e dúas seccións a pé, unha con mapa mixto e outra con mapa extraído da nova cartografía automática Mapant.

A duración máxima do adestramento estaba prevista para 4 horas (1 hora aproximada para cada sección), nunha paraxe espectacular con vistas ao mar aberto desde os acantilados ou desfrutando do Camiño Real, entre outros.

Tódolos adestramentos se programaron cumprindo o protocolo Fisicovid Fegado, sen aglomeracións e con dispersión dos participantes.

O ambiente foi magnífico e de moito proveito para todos, desde os máis mozos a os veteranos.

Seguimos adiante!


COMPARTIR: