Estas cousas sempre empezan igual… un escintileo momentáneo que atravesa a miña cabeza, unha idea vaga e moi difusa… que pouco a pouco vai enraizando e collendo máis e máis forza, ocupando máis tempo nos meus pensamentos, hasta que se converte practicamente nunha obsesión.

E así pasou con este proxecto. Un día, alá por decembro, estaba cun amigo na zona do Xurés, e conteille que existían 8 rutas aos 8 picos máis altos do Parque Natural, OS OITO MILES DO XURES, rutas promovidas por Lirios do Xurés. E nese preciso momento, mentres llo contaba, sucedeu ¿por que non unir os oito picos nunha soa travesía? Empeza sendo unha idea moi vaga e moi difusa, que pouco a pouco vai collendo forma: empezo a investigar, ver mapas, tracks, información de todo tipo… hasta que chega un día que lle pos data.

Xa está, toca materializar iso no que levas meses pensando, dedicando horas e sobre todo a ilusión dun neno.

Ás 6.05 da mañá soa o espertador, non hai remoloneo por quedar 5 minutos máis na cama, a ilusión e as gañas de empezar me poden. Almorzamos, preparámonos e ás 7:00 estamos no punto de inicio da travesía, ás aforas de Guntumil. Para o meu asombro alí aparece Ana de Lirios do Xurés, Pablo de MeteoLobios e Oscar de Aviva para dar ánimos nos primeiros momentos. Despedímonos deles e Tere máis eu empezamos coa aventura por unha pista hasta o inicio dunha devasa, onde Tere se despide de min.

Oito miles do Xurés

Empezo a subir pola devasa, nalgún tramo se cerra con moita maleza e faime ir algo lento, pero sen moita dificultade acabo coroando o primeiro pico dos 8, o Alto do Pisco, mentres a lúa chea ilumíname o camiño e ás miñas costas rompe timidamente o amañecer.

Paso polo paso fronteirizo de Pitoes onde están esperando Ana, Pablo e Oscar dándome ánimos. Enfilo o camiño, ao pouco se acaba e toca empezar a pelexarse cos arbustos ata chegar a Fonte Fría. Trepo polas súas empinadas rocas graníticas e o coroo, 2 de 8!

Oito miles do Xurés

O sol empeza a alzarse no horizonte, e sopra un forte vento. Baixo con coidado e enfilo o cordal baixo a atenta mirada das cabras montesas cara o Alto de Nevosa, o máis alto dos oito. É un tramo longo onde teño que ir moi atento ao track pois a arista é moi roma e é fácil desviarse da ruta establecida. Aparecen moitos fitos os cales parece que te levan na boa dirección e nalgunha ocasión me desvío un pouquiño da miña ruta previamente marcada. Entre a dificultade do terreo polo pedregoso e a vexetación, non podo ir ao ritmo que eu desexaba e as horas van pasando. Ás 3 horas coroo o Pico Nevosa e empezo a baixar cara a Portela do Home. 

As vistas que me acompañan polo val de Home son espectaculares. Ao momento, desde a altura, diviso o antigo paso fronteirizo de Portela do Home e decido tirarme cara el polo camiño máis recto, monte a través, seguindo un pequeno paso de fauna. En Portela está esperándome Tere, Ana e Pablo. Me cambio para poñerme de corto, empeza a facer calor, como algo con calma, repoño auga na mochila e salgo ao segundo tramo.

Van 5 horas correndo e 28 km, empezo a subir cara o Pico Cruz do Touro, o inicio é por pista o que me permite ir rápido e cómodo, o último tramo, me desvío do camiño e vou entrando no bosque onde me cruzo con tres cervos. Coroo Cruz do Touro unha hora despois de ter saído de Portela e enfilo o seguinte pico, Santa Eufemia. Baixo por zonas de mato baixo, bosque e grandes laxas graníticas hasta volver a coller a pista que me leva ás antenas de Santa Eufemia, esquivando unha zona que Medio Ambiente me recomendou evitar por ser zona de cría de aguia real.

Oito miles do Xurés

Desde Santa Eufemia queda baixar directo hasta o embalse de Lindoso atravesando unha zona totalmente calcinada por un incendio. Chegando ao asfalto me volvo a encontrar con Ana e Tere. Tere me acompaña correndo os últimos quilómetros hasta a ponte que cruza o embalse. Nunha pequena área de descanso, baixo a sombra, paro a comer e repoñer forzas. Volvo a encontrarme con Pablo e tamén se acercaron desde Vigo o meu padriño e a súa dona a darme ánimos. Menos de 2.5 horas entre Portela e o embalse de Lindoso.

Pasan 25 minutos, cuns cachiños de tortilla no estómago, unha coca-cola fresquiña e un pouco de froita retomo a marcha. É mediodía, a calor empeza a apertar, van 45 km, ecuador da travesía e case 8 horas desde que empecei. Por diante o tramo máis duro, desde o embalse a 300 m sobre o nivel do mar ata o Alto do Quinxo a 1166m.

O inicio transcorre por sendas e camiños e algunha que outra zona queimada, vólvome a atopar con toda a panda que non deixan de dar ánimos, sigo por pistas, sen presa pero sen pausa hasta que se acaba a pista nun pequeno merendeiro. Busco o sendeiro que me leva ao cumio, pero alí xa no existe tal, toca pelexarse coa maleza e as pedras durante máis dunha hora baixo un sol que non da tregua. Con moito esforzo alcanzo a cima.

Fago a foto de rigor e séntome. Atópome cansando, co estómago algo revolto e cerrado, creo que un pouco deshidratado e con algunha que outra náusea. Vexo ao lonxe o pobo de Ameijoeira onde me están esperando. Que lonxe está… e inda me quedan 20km máis…puffff non sei si acabarei esta loucura… bo… hai que seguir. Empezo a baixar do pico entre vacas cachenas, intento correr, pero cada bote me produce dor na boca do estómago… algo está raro aquí… baixo un pouquiño a marcha para intentar recuperar…

Oito miles do Xurés

Chego ao camiño que me leva ao pobo, parece que estou algo mellor e podo volver a correr, o ritmo non é unha marabilla e encóntrome bastante cansado pero vou avanzando. Cando quedan sobre 3 km para chegar ao pobo encóntrome outra vez con Tere, sen dicir case palabra dáme un abrazo, me pregunta que tal estou e me di: – Esquécete do tempo, ¡agora acabas! Continuamos correndo xuntos, no último tramo se nos une meu padriño e no paso fronteirizo están animando Ana, Pablo e Cruz.

Me levantan o ánimo e as ganas, ¡¡¡subidón de enerxía positiva!!! Calculara 3 horas entre Lindoso e este punto, e a pesar dos problemiñas vamos no tempo previsto. Decido parar para comer e intentar repoñerme, un pouco de macedonia fresquiña, una coca-cola e unhas sales. Tere me da unha pequena masaxe na zona da boca do estómago/diafragma que me alivian. Son as 19 horas, quedan menos de 20 km por diante e só 2 picos máis. Pero empeza a zona onde previamente tiñamos máis dubidas de paso… pufff a ver como se da…

Empezo subindo por un pequeno camiño empedrado que me leva hasta un pequeno pantano, o sitio é espectacular, rodeado de cortados graníticos en completa soidade. Vou recuperando forzas e vólvome a encontrar ben. O camiño desaparece baixo os meus pés… o que nos temíamos… teño que ir avanzando entre o monte baixo e as pedras durante máis de 3km, moi atento ao track para non equivocarme de vaganta, cruzo un outeiro e cambio de val.

Güai!! Perfecto, más rápido do que esperaba. Caio na pista que da acceso á ermida de Numao. Xusto encima un paredón, ¡pois para arriba! Debería de haber algún sendeiriño, o iso dicía wikiloc… pero por aquí non aparece nada… Pois monte a través, outra vez…

Paso a cota e xa vexo a miña penúltima cima, o Alto de Queguas, entre nós unha vaganta pouco profunda e moi ancha, pero sen un camiño, nin pedras polas que progresar. Co breixo e as xestas hasta a cintura vou avanzando como podo. 20:35 coroo Queguas. ¡¡Vamos, solo queda un!!

Toca seguir pelexando un anaco máis coa vexetación do Xurés, hasta chegar a un pequeno sendeiro o cal me levará practicamente ao meu último cumio. O terreo déixame volver a correr e vólvome a encontrar cómodo. O sendeiro transcorre pola parte alta da montaña, entre outeiros suaves. As luces do día vanse apagando, a lúa empeza a brillar e a temperatura a derrubarse. Me poño o frontal, a chaqueta e sigo correndo.

Os oito miles do Xurés
Os oito miles do Xurés
Oito miles do Xurés
Os oito miles do Xurés
Os oito miles do Xurés

3 horas despois de saír do paso fronteirizo de Ameijoeira alcanzo a Cima de O Condensal.

¡¡Si!! Xa están ¡8 de 8! ¡

Agora para abaixo!, teño unha devasa que me leva practicamente directo ao punto final. Está moi moi rota e faime ir un pouquiño lento e freándome moito. Acabo a devasa, collo a pista que ven da miña esquerda e vexo luces que suben polo sendeiro, son Tere e Ana. Os tres xuntos facemos os dous últimos quilómetros desta travesía hasta chegar á “meta”.¡SI¡ ¡CONSEGUIDO!

Os oito miles do Xurés

 

O crono se detén en 15 horas 38 minutos, 80.77 km e os 8 picos de máis de 1000 msnm que ten o Parque Natural do Xurés coroados nun só día. Converténdome así na primeira persoa que os uniu.

Esa fugaz idea que sucou a miña cabeza fai uns meses ¡fíxose realidade! ¡¡Xa está!! ¡¡Reto conseguido!!

MoreiraSolo me queda darlle as GRACIAS a Ana de Lirios do Xures e a Pablo de Meteolobios polos seus ánimos, o seu apoio incondicional, ao meu padriño e Cruz, por apoiarme sempre e a Oscar de Aviva Sport Center, pola acollida e o bo trato que tivemos eses días. E sobre todo a Tere, por esa magnífica asistencia, sempre atenta a todos os detalles, sen ela non o houbera conseguido, o teño claro.

¡GRACIAS de verdade, por facer que a miña tola idea se fixera realidade!

Adrián Moreira

Os oito miles do Xurés
Os oito miles do Xurés

COMPARTIR: