O último descenso de barrancos organizado polo club AROMON, nesta temporada 2021, celebrouse na comarca de Valdeorras, illada do ambiente habitual dos nosos ríos costeiros, e graníticos.

Alí nos acercamos ao Rego Candís, para desfrutar da súa particular configuración, rodeados de roca pizarrosa. Nalgúns momentos o río desaparece debaixo das pedras de lousa resurxindo para dar lugar a cascadas de hasta 20m e pozas profundas ideais para saltos.

Inda que é un barranco corto en lonxitude, destaca pola súa beleza, a configuración da súa roca e paredes, e a transparencia turquesa das súas augas. Está equipado con diversas posibilidades (incluso se usa para descenso de kayak de augas bravas con caudais altos).

Despois dunha aproximación a pé de 25 minutos, de cómoda subida e amena conversación, entramos no barranco. Alí atopamos a outros compañeiros de grupos de empresa, unha conversa con eles e a coordinación pertinente, con moi bo ambiente, nos decidiu a esperar un pouco no inicio, pero tamén nos permitiu desfrutar ao noso aire o resto do barranco.

O primeiro obstáculo o sorteamos de tres formas: con salto, destrepe ou pequeno rápel, para ir collendo sensacións, pois a continuación xa enlazamos co rápel máis alto do descenso (unos 20 m), por cascada de escaso caudal a estas alturas do ano e recepción nunha espléndida poza, con posibilidade dun salto de 6m nun resalte lateral.

Despois dun tramo chan pola canle do río chegamos á zona máis encaixada, equipada para un rápel voado lateral de 18m ou un máis corto de 6m pola propia canle (moito máis esvaradío); nesta zona se forma un recóbado en barranco que permite saltos de máis de 10m con ambiente de gran verticalidade e estreitamento.

A continuación, tocaba parada de descanso e sol, un pouco de auga para beber, algo de comida e volta ao ataque coa segunda parte do descenso.

Nos encontramos outra verticalidade, sorteable cun salto de 4-5m, un destrepe lateral equipado ou un pequeno rápel. A maioría dos participantes desfrutaron numerosas veces das posibilidades de saltos que ofrece o barranco e a limpeza das recepcións na poza.

Xa só quedaba a parte final, encaixada, cun pequeno rápel de 3m e algún pequeno tobogán para cerrar o tramo deportivo, un pequeno paseo pola ribeira con ladeiras boscosas e abertas nos achegou ao final do descenso.

A todos lles gustou a beleza e singularidade do barranco, botando de menos que non fose un pouco máis longo.

Unha vez cambiados e secos, non tocaba máis que ir a comer á veciña localidade de Puente de Domingo Flórez, nun ambiente tranquilo e seguro, e onde sempre nos tratan moi ben.

Bonita xornada para finalizar os descensos de barrancos deste ano!


COMPARTIR: