Este domingo 15 de agosto o club AROMON realizou o costering de Monteferro, emblemática península do concello de Nigrán.

Monteferro é unha zona moi coñecida polos seus sectores de escalada deportiva a pé de mar, os seus descensos de BTT o seu mapa de Orientación a pé… Todo un surtido de posibilidades deportivas localizadas nun mesmo lugar.

Ademais, a isto se lle suma a beleza da paisaxe e a protección da fauna costeira. E a destacada variedade xeolóxica (xistos, cuarcitas, granitos, etc.) dos seus acantilados.

Unha vez iniciada a actividade pola zona norte da península, imponse o aspecto aserrado das formacións rochosas (cal cuchilas) que obrigan a prestar moita atención aos movementos.

Primeira sorpresa do día: o avistamento dunha nutría cerca da nosa ruta… nos observa e se vai ao seu aire… Comezan a continuación uns pequenos saltos e o cruce de canles entre rochas xogando coas ondas.

Achegámonos á zona do faro onde comeza a cambiar o aspecto das dificultades a afrontar, maior verticalidade con ondas de mar aberto e a necesidade de pequenas trepadas e destrepes.

Ao longo do itinerario vamos pasando os distintos sectores de escalada, xogando cos bloques rochosos, as ondas, os pasos estreitos e as algas… tamén aparecen os sempiternos percebes nas zonas máis batidas.

O día foi soleado e caloroso, sempre se agradecía o contacto refrescante da auga.

Un costering variado, que ofrece pasos moi interesantes e algo expostos (sempre evitables por escape) cunha ondaxe intensa que obriga a prestar atención.

Despois do esforzo, viu o merecido descanso e unha comida na zona do Monumento aos Mariños Mercantes, regalados cunhas preciosas vistas das Illas Cíes e a ría de Vigo.


COMPARTIR: